xogo das mazás

lunes, 21 de junio de 2010

campaña plataforma queremos galego

A Xunta aprobou, a pesares do rexeitamento da comunidade educativa e dunha gran parte da sociedade deste país, un novo decreto que, entre outros problemas, non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.
Esta norma foi promulgada de forma unilateral, sen ter en conta a opinión de sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais, institucións culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, ou un informe de altísimo nivel xurídico do Consello Consultivo.
Que un neno ou unha nena non poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.
A plataforma QUEREMOS GALEGO! está a levar adiante unha campaña para que as nais, pais ou titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil cubran o formulario que se adxunta e o remitan ao enderezo da plataforma cívica:
Queremos Galego, Rúa do Vilar, 15 – 1º dereita, 15705 Santiago de Compostela.
QUEREMOS GALEGO! entregará todos os escritos (que serán compilados de acordo coa Lei de protección de datos) no rexistro da Xunta, dirixidos ao Conselleiro de Educación, e achegarán tamén as copias correspondentes a cada centro de ensino á dirección do mesmo, para que teñan constancia.
O obxectivo desta campaña é conseguir os nenos e nenas deste País teñan as garantías para unha educación en galego. Subliñar que co actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.
 
Pregamos que todas e todos os que teñades nenos na etapa infantil enviedes esta instancia. Tamén é importante que lla fagades chegar a todos as persoas que coñezades e que estean nesta situación.

Saúdos 

AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN
Dona/Don……….……………………………................…………………………………...………………….…………….
nai/pai/titor-a de …………………………………..……………………..................................................
alumna/o do curso……........………………, no centro ….....................................................,
con enderezo a efectos de notificación en ..................................................................
Comunícolle a miña solicitude para que se me comuniquen as medidas pedagóxicas que se van
adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso
idioma propio.
A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen
unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo
caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é
que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.
Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola
falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia
continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto
79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima
na lingua propia da nosa sociedade.
A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala
que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as
autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art.
13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en
2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8
que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua
propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar
en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5
que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas
linguas oficiais, mais sen determinar como.
Por todo isto, SOLICITO:
1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar
para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando
o noso idioma propio.
2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación
infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou
Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.
3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que
a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo
5.3 do decreto 79/2010 estipula.
Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en
consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus
compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa
lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.
Atentamente.
Asdo.:.................................................-

1 comentario:

  1. Me mandó una mamá esta notificación por si le interesa a alguien, también el adjunto por si estais de acuerdo con él y quereis enviarlo.
    Un saludo.

    ResponderEliminar